María Wonenburger

Localizada na Casa das Ciencias. Descendente dunha saga de industriais alemáns asentados na cidade, tivo unha frutífera carreira en distintas universidades de Norteamérica. Durante os anos sesenta e setenta colaborou nalgúns dos avances máis significativos no eido da álxebra, campo no que se especializou. Viviu na Coruña os anos do seu retiro, levando as matemáticas e o seu sorriso a institutos, feiras matemáticas e a calquera sitio que se lle pedise.

Luis Suárez

Localizado no estadio de Riazor. Nado no Barrio de Monte Alto, Luisito Suárez tivo unha carreira meteórica. Debutou con 18 anos en Primeira División e ao ano seguinte fichou polo Barcelona. En 1960 converteuse no primeiro e único futbolista español en lograr o Balón de Ouro. Ao ano seguinte protagonizou o que foi o traspaso máis caro do fútbol, cando o Inter de Milán pagou 25 millóns de pesetas pola súa ficha.

Pablo Picasso

Localizado na súa casa museo, na rúa Payo Gómez. Aínda que naceu en Málaga, Picasso viviu na Coruña entre 1891 e 1895. Asistía a clases no Eusebio da Guarda, onde o seu pai era profesor de Debuxo. Os apuntamentos e cadros que realizou na Coruña –vistas do mar, un retrato da súa irmá– son propios dun artista adulto, en plena posesión das destrezas dun pintor consumado.

Juana de Vega

Localizada na rúa que leva o seu nome. Filla dunha eminente familia liberal, marchou ao exilio xunto do seu marido, o xeneral Espoz y Mina, cando se restaurou o absolutismo en 1823. Viviría en Inglaterra e Francia dedicada a procurar o apoio internacional para a causa liberal. De regreso na Coruña en 1843, usou a súa fortuna en obras de filantropía.

John Moore

Localizado no seu cenotafio, no xardín de San Carlos. A finais de 1808, o mariscal Soult dirixiuse a Galicia para expulsar as tropas inglesas enviadas contra os exércitos de Napoleón. O xeneral Moore, xefe do exército inglés, viuse na obriga de presentar batalla no val de Elviña, entón nas aforas da cidade, para protexer a evacuación das tropas inglesas. Ferido na batalla, morreu nunha casa dos Cantóns o 16 de xaneiro de 1809. Na súa honra, edificóuselle un cenotafio no xardín de San Carlos.

Emilia Pardo Bazán

Localizada na súa casa, sede actual da Real Academia Galega. Introdutora do estilo naturalista na literatura española, foi unha das primeiras escritoras profesionais de España. Moitas das súas obras están ambientadas en Marineda, que é o espello da Coruña de finais do XIX, como La Tribuna, onde describe a vida das cigarreiras da Fábrica de Tabacos. Á súa morte, legou o seu pazo familiar da rúa Tabernas á Real Academia Galega, que o converteu na súa sede.

María Pita

Localizada na praza que leva o seu nome. En represalia polo envío a Gran Bretaña da Armada Invencíbel, sir Francis Drake arribou na Coruña o 4 de maio de 1589. Dado que a gornición da cidade era insuficiente, os resistentes contaron coa axuda da xente do común. Entre estes destacou María Pita, que encabezou o contraataque nun momento en que os ingleses parecían a punto de traspasar as murallas case á altura de Porta de Aires. Os ingleses retiráronse, dirixíndose a Lisboa para continuar a expedición.

Sofía Casanova

Localizada na rúa San Andrés, onde residiu.Casada cun aristócrata polaco de quen acabou divorciándose, traballou como correspondente en Europa de varios xornais españois. Son especialmente famosas as súas crónicas sobre a I Guerra Mundial e a Revolución Rusa.

María Casares

Localizada na súa casa familiar, Casa Museo Casares Quiroga. Filla de Santiago Casares Quiroga, presidente do Consello de Ministros da República española cando o golpe de estado franquista, naceu na rúa Panadeiras. Viuse obrigada a se exiliar en Francia, onde tivo un enorme éxito como actriz de teatro.

Isabel Zendal

Localizado na súa estatua. Enfermeira e directora do Hospital da Caridade da Coruña, Isabel Zendal estivo ao cargo dos orfos que portaron nos seus corpos o virus da varíola na Expedición Balmis. Desta maneira, logrouse vacinar da enfermidade á poboación das colonias españolas. Xunto do seu fillo, morrería en México pouco anos despois de que concluise a expedición.

Manolo Rivas

Localizado no barrio de Monte alto. Nacido no barrio de Monte Alto a finais da década dos cincuenta, Rivas exerceu
o xornalismo en distintos medios coruñeses. A súa obra literaria pode considerarse un fresco da historia da cidade desde a Guerra Civil até a actualidade.

Breogán

Localizado na súa estatua. Segundo o Libro das conquistas de Irlanda, Breogán, o rei dos celtas, albiscou Irlanda desde o alto dunha torre. Xunto dos seus fillos, Ite e Bile, conquistou a illa. A inicios do século XVII, conquistado o territorio definitivamente polos ingleses, boa parte da aristocracia irlandesa exiliouse en Galicia.

Amancio Ortega

Localizado na primeira tenda de Zara, na rúa Juan Flórez. Zara, a empresa textil que daría impulso ao grupo Inditex, abriu a súa primeira tenda na Coruña en 1975. A finais da década dos oitenta o grupo iniciou a súa expansión internacional, abrindo tendas en Portugal, Francia e o Reino Unido. Na actualidade o grupo está presente en case oitenta países dos cinco continentes.

Salvador de Madariaga

Nado na rúa do Orzán, desenvolveu unha longa carreira como político, profesor universitario e diplomático. Nesta última tarefa destacouse como europeísta e pacifista, impulsando a arbitraxe internacional desde a Sociedade de Nacións.

Os viquingos

De finais do VIII até mediados do XII, os barcos viquingos navegaron as costas europeas, do Báltico até o Mar Negro, transportando mercadorías e guerreiros. Unha das primeiras expedicións viquingas na Península Ibérica arribou á Coruña no 844. Segundo as crónicas do tempo, os soldados viquingos foron decimados en Faro polas tropas do rei Ramiro.

O topónimo

Localizado no monumento de conmemoración da carta outorgada por Alfonso IX. O topónimo A Coruña non se utilizou até o século XII. Con anterioridade, o lugar denomínase Faro. Segundo unha teoría recente, o topónimo naceu no Códice Calixtino, onde se contaba Crunia entre os lugares arrebatados aos mouros por Carlomagno. Ese topónimo inventado asociouse á cidade a través da documentación oficial: é o termo que se emprega na carta foral outorgada por Afonso IX en 1208. En poucas décadas, o topónimo deturparase até dar no actual.

A Rúa Real

A finais do medievo a poboación desbordou os límites da Cidade Alta e comezou a medrar cara o que hoxe é o barrio da Pescaría. Aínda que cunha configuración distinta da actual, rúas como Rego de Auga ou a Real xa se debuxarían no plano desta época, facendo parte da ruta que seguían os peregrinos cara a Compostela.

A Rúa Sinagoga

O nome desta rúa rexístrase na documentación medieval, polo que se pensa que nela se concentraba a comunidade xudea. Recentemente atopáronse nos baixos dunha vivenda desta rúa uns restos que poderían ser os dunha piscina ritual. En calquera caso, había na Coruña unha xudería próspera, capaz de producir a Biblia Kennicot: un dos manuscritos mellor ilustrados de cantos existen en hebreo. A Biblia, que abandonou a cidade coa expulsión da comunidade xudea en 1492, consérvase na Biblioteca Bodleian da universidade de Oxford.

Igrexa de Santiago

Aínda que as referencias documentais non nos permiten ir alén de inicios do século XIII, a igrexa de Santiago é seguramente máis antiga. Está en discusión se a cidade ficou despoboada durante a Alta Idade Media. Se non foi abandonada, os restos arqueolóxicos indican que nesta área se concentraría a escasa poboación urbana até o século XII. A igrexa de Santiago era o primeiro templo que os peregrinos visitaban ao baixaren do barco, para dar as grazas polo éxito da travesía.

Palacio de Capitanía

O Palacio de Capitanía ergueuse a mediados do XVIII como sede da intendencia de Galicia, o máximo representante do rei no Reino de Galicia. Neste palacio estivo tamén a sede da Real Audiencia, a máis alta autoridade xudicial no país. Desde mediados do XVI a cidade foi escollida pola monarquía como sede das súas institucións no Reino, aproveitando as boas comunicacións por mar.

O porto

O porto medieval reaproveitou moi seguramente os restos do porto romano. Desde o século XII, co aumento da actividade marítima, converteuse no motor económico da cidade. A este porto chegaban numerosos peregrinos das Illas Británicas e do Norte de Europa para seguir a pé até Santiago.

Torre de Hércules

Construído como moi tarde durante o século II, o facho da Torre de Hércules regulaba o tránsito marítimo entre o Mediterráneo, a Galia e o Mar do Norte. Usada como fortaleza durante o medievo, abandonada e case derruída, a restauración finalizada en 1791 permitiu retomar o seu uso como faro, ao tempo que salvagardaba os restos da edificación romana.

Ensenada do Parrote

A Coruña naceu como unha cidade portuaria. Ao resgardo do Parrote creouse o porto romano. Ademais doutras mercadorías, sería o porto desde o que partía para Roma o ouro da Gallaecia.

Pena das Ánimas

Non se sabe con seguridade onde chegou a expedición a Gallaecia de Xulio César do 61 a. C. Se é certo que desembarcou na ría da Coruña, para se facer con riquezas que lle permitisen acceder ao consulado, tal vez os seus mariñeiros tivesen que tecer moito nos baixíos da Pena das Ánimas. Até que foron dinamitados nos anos sesenta, estes fondos mariños causaron múltiples naufraxios.

Castro de Elviña

Habitado como mínimo desde o século III, o castro de Elviña foi o primeiro gran asentamento humano da Coruña. Moito se discute sobre o celtismo dos habitantes dos castros, pero sen dúbida existía un forte vínculo entre a cultura castrexa e as demais culturas atlánticas das nacións celtas.

Cemiterio mouro

A carón dos penedos de Punta Pragueira, golpeados polas ondas que entran na ría, construiuse, cando aínda non rematara a Guerra Civil, un cemiterio destinado a albergar os cadáveres dos soldados marroquís que combateran na guerra ao servizo de Franco.

A industria

Desde finais do XVII a coroa española preocupouse por fomentar a industria. Entre outras, asentáronse na Coruña a Real Fábrica de Panos de Mesa, fundada por dous flamengos. Outra foi a fábrica de cordas e cabos para barcos creada polo catalán Pedro Marzal. A cidade contou tamén, por desgraza, con barcos para o tráfico de escravos cara Estados Unidos. A principios do XIX botou a andar a Fábrica de Tabacos, que se abastecía de tabaco cubano.

A periferia obreira

De Labañou nunha punta aos Castros na outra, a periferia medrou nos anos do ‘desarrollismo’ franquista a base de migrantes do agro que buscaban traballo na industria. Así, configurouse un cinto urbano de barrios obreiros onde os problemas de dotación e condicións de vida aínda seguen aínda presentes. Na actualidade eses barrios continúan a recibir novos migrantes, procedentes de África, Latinoamérica, Europa do leste ou Asia.

O ensanche

Localizado na Praza de Lugo. Durante o primeiro terzo do século XX, nas aforas do antigo recinto amurallado arredor da Pescaría, construiuse o barrio do Ensanche como residencia
da burguesía. Boa parte dos edificios desta área adscríbense ao modernismo, unha corrente arquitectónica nacida nas rúas de París, Bruxelas ou Viena a finais do XIX.

Os baños de Riazor

Aínda que non tivo a fama doutras cidades balnearias do norte, como Donostia, A Coruña contou tamén con auguistas, persoas que no verán se trasladaban á cidade para respirar o aire mariño e tomar os baños, buscando mellorar a súa saúde.

Instituto Eusebio
da Guarda

Na liña de extensión da instrución pública que caracterizou o século XIX, o Eusebio da Guarda foi o primeiro centro público de ensino medio público que funcionou na Coruña. A actividade docente no actual edificio comezou en 1890. Poucos anos despois, o centro contou cun dos seus alumnos máis insignes: Pablo Picasso.

Peirao de
Méndez Núñez

Absorbido desde os anos oitenta polo Peirao de Transatlánticos, o de Méndez Núñez foi un dos puntos de partida da emigración transocéanica galega. Desde aquí partiron numerosos buques cargados de emigrantes cara os portos de La Habana, Caracas, Río de Xaneiro, Montevideo ou Bos Aires.

Casa da Especiaría

Localizada na praia do Parrote, zona portuaria naquel tempo. En 1522 Carlos I decidiu que se concentrase no porto da Coruña o comercio de especias dos barcos da Coroa de Castela. Tres anos despois partiu do porto coruñés a primeira expedición ás Molucas. O fracaso da xira impulsou a Carlos I a ceder a Portugal os dereitos sobre as Molucas e as Illas das Especias en 1529, rematando coa curta experiencia da especiaría coruñesa.

Porta de San Miguel

Amais das dúas portas de terra, a de Aires e a Real, a muralla da Cidade Alta contaba con tres portas que daban ao mar: a do Cravo, a da Cruz e a de San Miguel. Esta última pasa por ser a máis antiga das tres. É fama que por ela descendeu Pedro I de camiño á Baiona francesa en 1366, buscando tropas coas que opoñerse ao seu irmán Henrique. Tres anos despois fuxiu por elas Fernando de Portugal, abandonando a súa corte no reino de Galicia. Saíu tamén por ela Carlos I en 1520, para ser investido emperador do Sacro Imperio Xermánico.

Política

Localizada no Palacio de Capitanía. A Coruña coñeceu unha intensa actividade política até a Guerra Civil. A gornición militar da cidade foi a primeira en apoiar o pronunciamento
de Riego en 1820, que significou a instauración do primeiro goberno liberal en España. En 1846 produciríase unha nova sublevación, entre cuxa trama civil se encontraban os intelectuais do provincialismo, o xermolo do nacionalismo galego. Arredor de cafés e librarías agromaron moitos clubs republicanos e nacionalistas a finais do XIX. Entre os obreiros destacaron os anarquistas, que lideraron numerosas folgas no primeiro terzo do XX.

Casa da Aduana

En 1764 Carlos III decidiuse a rematar co monopolio de Sevilla e Cádiz no comercio coa América española. Escolleu trece portos abertos ao comercio ultramarino. En Galicia foi o da Coruña. Os barcos tardaban mes e medio en chegar aos portos do Caribe e case tres meses en chegar aos de Río de la Plata. Este privilexio, que se conservou até o 1778, cando se liberalizou por completo o comercio americano, serviu de impulso á burguesía local.

Cemiterio de
San Amaro

A finais do século XVIII comezaron a situarse fóra das cidades os cemiterios, por razóns de hixiene. O de San Amaro inaugurouse en 1812 e conta as tumbas de numerosos persoeiros, como o poeta Eduardo Pondal, autor dos versos do Himno Galego. Nun recinto separado atópase o Cemiterio Inglés, comprado polo Reino Unido a mediados do XIX para que servise de cemiterio aos súbditos británicos, en especial aos de relixión anglicana.

Expedición Balmis

Localizada no monumento á expedición, obalcón da Balmis. O médico Francisco Javier Balmis liderou en 1803 a expedición que levaría a vacina da varíola polas colonias españolas de ultramar. O barco María Pita partiu da Coruña con vinte e dous nenas e nenos aos que se infectaba por quendas co virus, seguindo as técnicas médicas da época. O barco costeou a América española, de Venezuela a México, para logo dirixirse ás Filipinas e aínda a Macau e Cantón, na China. Xa en terra, outras expedicións encargábanse de propagar a vacina cara o interior do territorio.

O idioma

Como os demais idiomas derivados do latín, o galego ten uns mil anos de historia. Foi o idioma de uso maioritario até os anos sesenta, cando os efectos da escolarización e os medios de comunicación deron lugar a un crecente uso do castelán, até entón o idioma das elites. Aínda hoxe, o galego é a lingua habitual dun terzo dos habitantes da cidade. Dado que comparte as súas orixes co portugués, conecta Galicia cos países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa.

Barco Arosa

A Foxa Atlántica, fronte as costas galegas, foi empregada durante anos por varios países de Europa occidental como depósito de residuos nucleares. En setembro de 1981 unha expedición organizada por varios políticos e intelectuais galegos conseguiu documentar estas prácticas. Un ano despois, co apoio de varios concellos galegos, en particular os de Vigo e a Coruña (que fretou o Arosa) regresaron á zona para obter novas probas desta práctica e denuncialas, co obxectivo de que fosen definitivamente prohibidas.

Estadio de Riazor

A equipa de fútbol profesional da cidade, o Real Club Deportivo, fundouse en 1906. Riazor vén sendo o seu estadio desde 1944, cando foi rematado. Profundamente remodelado a finais do século XX, viviu os seus mellores días en maio do 2000, cando o Deportivo gañou a liga de fútbol, e no 2004, cando o Deportivo se enfrontou ao Porto en semifinais da Liga dos Campións. Ao seu carón, no Pavillón dos Deportes, xoga ao hóckey a patíns o Liceo, que ten seis Copas de Europa entre os seus moitos títulos.

A Universidade

A universidade da Coruña comezou a funcionar de xeito oficial en 1989, se ben xa existían con anterioridade algúns cursos vinculados á universidade de Santiago. Na actualidade forma uns 15.000 estudantes repartidos polos campus de Elviña, a Zapateira e Ferrol, en disciplinas que van desde a arquitectura
e as enxeñerías ao dereito e o maxisterio.

Sky
Sky

Brigantium

RELATO HISTÓRICO
DA CIDADE GLOBAL

Pasa o cursor polos
puntos para ver as
conexións

Da despoboación ao Camiño inglés e a cidade real

Do comercio ás migracións

Personaxes históricos

Da Autonomia galega
ao mundo actual

Font