Pasa o cursor polos
puntos para ver as
conexións

Cervexería
Estrella Galicia

No mesmo lugar onde se fundou no 1906 a primeira fábrica de cervexa de Estrella Galicia, impulsada polo fundador José María Rivera Corral, faise un punto de visita obrigada na cidade que viu pasar a varias xeracións de coruñeses. A cervexa, icónica da cidade, internacionalizouse desde Galicia ao resto de Europa, máis tamén dando o salto Atlántico, construíndo dúas grandes fábricas de produción en Brasil.

Edificio Mans

É o centro de iniciativas empresariais da Fundación Paideia, que ten como obxectivo a promoción e o apoio de proxectos innovadores. Ofrece un espazo de alta calidade e presta todos os servizos necesarios para tales desenvolvementos. Acolle empresas e emprendedores galegos e internacionais, destacando empresas tecnolóxicas como Softek ou Denodo.

Noa Gastro Lounge

Na área metropolitana, no municipio de Oleiros, atópase o restaurante gañador do World Luxury Restaurant Awards na edición do 2021. O local é unha demostración máis das potencialidades da cociña atlántica e galega.

Primeira tenda
de Zara

O número 64 da Rúa de Juan Floréz acolle desde 1975 a primeira tenda de Zara, como icono do núcleo da historia de Inditex, un dos maiores grupos de moda do mundo. O seu desenvolvemento tivo un forte impacto na historia económica, social e cultural da cidade nas últimas décadas. Na actualidade o grupo ten presenza en máis de 70 países posicionándose mundialmente con mútiples marcas.

Consulados

Grazas á historia global da cidade e a multiplicación de vínculos nas últimas décadas, A Coruña acolle consulados de 15 países, a maioría deles honoríficos, principalmente froito de ligazóns económicas, culturais e migratorias: Cabo Verde, República Dominicana, Panamá, Bélxica, Dinamarca, Francia, Noruega, Portugal, Italia, Turquía, Suecia, Finlandia, Lituania, Grecia ou Romania.

Delegación do Goberno de España e Delegación da Xunta de Galicia

Pola relevancia da cidade, A Coruña acolle tanto unha delegación do goberno autonómico da Xunta de Galicia como do Goberno de España.

Cámara de Comercio

É unha institución conectada á Cámara de Comercio de España. A da Coruña ten un papel estratéxico na internacionalización das empresas e do tecido económico local, con accións para o impulso das empresas en misións comerciais e feiras internacionais, formación estratéxica, asesoramento en mercados exteriores... As Cámaras de Comercio colaboran de maneira especial co ICEX e, en Galicia, activamente co IGAPE (Instituto Galego de Promocion Económica) e o seu departamento de internacionalización para o apoio ao tecido económico. No contexto español Galicia é a cuarta comunidade autónoma con mellores datos exportadores. Portugal, Francia, EUA, Brasil ou China aparecen no noso radar exportador.

Deputación da Coruña

A escasos metros do Concello, a Deputación provincial, como administración da provincia da Coruña, impulsa o desenvolvemento do conxunto de concellos da provincia, da que A Coruña é a capital. No seu edificio está o Europe Direct A Coruña, punto de encontro e información da Unión Europa no territorio. A Coruña é a ‘finis terrae’, europea!

Concello

A Praza de María Pita acolle o edificio do goberno e administración municipal, que desde os anos 80 e ata a actualidade multiplicou de maneira exponencial os seus vínculos internacionais. Dos primeiros irmandamentos con cidades portuarias nos anos 80 como Recife no Brasil, Brest en Francia ou o Ellis Island e a Estatua da Liberdade en New York, pasouse á actual participación en Redes de cidades. Dentro deste ámbito destacan a presenza no Eixo Atlántico (Rede de cidades galego-portuguesas) a Rede de Cidades Atlánticas (cidades da costa atlántica europea, de España, Portugal, Francia e Irlanda) ou a Unión Mundial de Gobernos Locais.

Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas-Mandeo

A UNESCO recoñeceu no 2013 esta reserva mundial da Biosfera, fortalecendo a protección do territorio arredor da Coruña e a súa Área Metropolitana, sendo un dos pulmóns verdes do norte de Galicia.

Universidade
da Coruña

Como proxecto estratéxico, a Universidade da Coruña identifica o seu Campus Innova desde
o impacto no crecemento económico e no desenvolvemento empresarial, consolidándoa como un polo de coñecemento de excelencia na innovación dixital, tecnolóxica e humanística. Destaca a nivel mundial e español en enxeñerías, navais e oceánica, física, astronomía ou informática e impulsa unha grande conectividade internacional dos seus grupos de investigación. Tamén recibe cada ano centos de alumnos internacionais, procedentes dos programas Erasmus e de convenios con Universidades latinaomericanas, africanas e asiáticas.

Fundación Luis
Seoane

Impulsada en 1996 polo Concello da Coruña, acolle o importantísimo legado artístico da obra gráfica de Luis Seoane. Fillo da emigración e o exilio galego en Bos Aires, é un dos grandes artistas da Historia de Galicia. A Fundación acolle eventos culturais, artísticos e de pensamento ao longo de todo o ano, sempre cunha ollada internacional.

Rede de Museos
Científicos

Un dos trazos icónicos da cidade da Coruña é a súa conexión á ciencia desde os seus museos. Sobresae o triángulo que conforman a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, ambos os tres integrados en redes europeas e mundiais de coñecemento aplicado, á súa vez conectado ao ecosistema de coñecemento da Universidade da Coruña.

Orquesta Sinfónica
da Galicia

Creada no ano 1992 polo Concello da Coruña, e co Palacio da Ópera como a súa sede, destaca historicamente pola súa conectividade e prestixio internacional, o que levou a que na actualidade teña seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube.

Rede de Bibliotecas

Por detrás das 10 bibliotecas públicas da cidade conéctase un tecido cultural e de coñecemento que se reproduce nas industrias culturais da cidade: o deseño, a edición, o audiovisual, os videoxogos e as novas tecnoloxías en xeral. Este tecido cultural e creativo proxéctase en eventos como o Festival Internacional do Comic “Viñetas desde o Atlántico” ou o Festival Noroeste. A Rede de Bibliotecas foi parte no seu día do desenvolvemento da Cidade da Coruña como Cidade Educadora, unha rede de cidades que co impulso da Coruña se acollen e conectan a cidade á UNESCO.

Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

Localizada no Edificio A Terraza, nos xardíns de Méndez Núñez.
O 6 de decembro do 2022 a elección da Coruña como sede da AESIA polo Goberno español, situou á cidade como referente europeo na materia, constatando que Coruña é o polo tecnolóxico de referencia en Galicia e tamén en España. A Axencia Española de Supervisión e Intelixencia Artificial será o primeiro organismo estatal destas características na Unión Europea, afianzando o proxecto da Universidade da Coruña, a Cidade das TIC, na Avenida de Pedralonga, como un proxecto central na cidade do futuro. 

Palexco

É o punto de encontro ideal para a celebración de calquera tipo de evento. Desde feiras a exposicións, pasando por espectáculos e congresos. A súa localización, rodeado das emblemáticas galerías da Marina, o porto deportivo e o peirao de transatlánticos, fan deste centro unha instalación privilexiada para calquera evento internacional.

Coliseum

Con capacidade para 11.000 persoas como escenario de grandes eventos culturais, ocasionalmente ten unha utilidade multiusos, acollendo eventos deportivos ou mesmo patinaxe sobre xeo. Frank Sinatra, Deep Purple, The Pixies ou Shakira sonaron desde a súa inauguración en 1991, sendo un dos escenarios por excelencia do norte da Península.

Expo Coruña

Desde o ano 2008 acolle todo
tipo de eventos nacionais e internacionais. Como espazo multiusos, único, flexible e polivalente, presenta unha filosofía de diferenciación, baseada na unificación de valores como a innovación, a cultura, o deseño e a tecnoloxía, a arte, os deportes ou música. Un mundo de posibilidades en 19.000 m2 de espazo interior e 8.000 m2 de exterior.

Polígonos industriais

O polígono de Pocomaco distínguese pola súa proximidade ao núcleo urbano da Coruña e as excelentes comunicacións cara o norte peninsular e o sur de Galicia, así como o norte de Portugal. Os históricos Polígono da Grela e Polígono de Sabón, ou os máis novos de Nostián, Vío ou La Artística, completan a oferta para e espazo empresarial e industrial da cidade, fortemente ligado ao impulso da multinacional lider no téxtil, Inditex, que ten os seus cuarteis xerais no concello de Arteixo.

Estadio de Riazor

O estadio onde xoga o Real Club Deportivo da Coruña é o icono central do clube de fútbol da cidade, que retrata a socioloxía e a historia recente da Coruña. O estadio conta con capacidade para 32.490 siareiros. O RCD é a bandeira do deporte coruñés, que compite no mundo e en Europa. Tamén o é o Hockey Liceo así como tantas outras disciplinas, que conectan A Coruña como cidade deportiva aos cinco continentes por medio da participación dos seus clubs en competicións internacionais. O deporte coruñés e a cultura branquiazul son parte nuclear da identidade da cidade, como cidade atlántica, portuaria, creativa, porta de entrada e saída europea ao mundo, aberta e moderna.

Solidariedade global
e Axenda 2023

A Coruña conta hoxe cun denso tecido asociativo e solidario, ademáis de dar fogar a 17 sedes do total de 45 organizacións socias da Coordinadora Galega de ONGD. É, ademais, o lugar de orixe da primeira expedición humanitaria da humanidade da que se ten constancia: a Real Expedición Filantrópica da Vacina, comandada polo Dr. Balmis e feita posible grazas á enfermeira coruñesa Isabel Zendal no ano 1803.

Autoestradas

Se a AP9 conecta o eixe atlántico galego e as principais cidades de Galicia ata chegar a Portugal, a A6-Autovía do Noroeste é unha das seis autovías radiais de España, conectando Galicia con Madrid.

O Porto

A cidade portuaria impregna a historia da cidade e actualmente segue a ser un dos máis activos nodos de conectividade internacional da Coruña. Conta con máis de seis quilómetros de peiraos distribuídos en seis estacións, especializadas en distintos ámbitos de desembarco, desde peixe a carbón, pasando por contedores e fuel. O Porto da Coruña destácase por ser o máis importante de Europa en canto a descargas de peixe fresco, mais tamén destaca en relación á loxística pola súa alta especialización. Ademais, a estación portuaria, integrada na cidade, na Avenida da Marina, acolle a recepción de centos de cruceiros nos que chegan visitantes de toda Europa. Estímase que en 2022 arrivarán á cidade 180.000 cruceiristas, principlamente de Inglaterra, Alemaña e Suiza.

Aeroporto

O Aeroporto Internacional da Coruña-Aeroporto de Alvedro, acolle as conexións con París, Londres, ademais de Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Málaga e Gran Canaria, ás que se unirán Amsterdam, Milán e Xenebra a partir de abril do 2023. O aeroporto sitúase na Área Metropolitana, no Concello de Culleredo e ten enlaces cada 30 minutos en autobús, conectando o aeroporto coa Universidade e o centro da Coruña nun traxecto de media hora.

Porto exterior

A especialización do porto da Coruña no movemento de tráficos enerxéticos, tanto líquidos como sólidos, é o futuro estratéxico para o Porto Exterior, así como o fundamento da vía de ferrocarril na que se traballa desde o 2021. A multinacional de transporte marítimo MAERSK anunciou a construción dunha planta de metanol verde, cuxa localización se prevé que sexa no Porto Exterior da Coruña, para fabricar combustible para a súa frota de 750 buques.

Estacións de tren e bus

A Coruña conecta co resto de Galicia desde un tren de velocidade alta, que conecta con Vigo en 90 mins, Pontevedra en 60 min ou Santiago en 30 mins. Localizadas ao pé dos históricos grandes almacéns do Corte Inglés e de Catro Camiños, conectan a cidade co resto de Galicia, España e Europa. Constrúese actualmente unha nova estación intermodal, que incidirá na modernización da cidade. Portugal e España traballan nun tren de alta velocidade que conectaría A Coruña con Porto en 3 horas.

Como cidade global intermedia, aquelas cidades de entre 50.000 e 1.000.000 habitantes, A Coruña destaca pola súa conectividade internacional económica, cultural e académica, sendo referenciada en ránkings de cidades globais como o do IESE 2020.

A CORUÑA GLOBAL
DE HOXE

Loxística

Coñecemento, ciencia
e cultura

Institucional

Empresa e comercio senlleiro

Cidade e infraestruturas

Font